15/Xaneiro/2026
Análise Super Woden Rally Edge: Cámara detrás e ferro a fondo
Nesta análise contámosche todos os detalles e impresións que nos deixou o novo videoxogo de @vijuda Super Woden Rally Edge.
Evolución da saga Woden na parte gráfica cun xesto tan simple como baixar a cámara que fai que a sensación de manexo e control mellore aínda máis. Se os anteriores estaban na estela dos clásicos de 16-bit nas sensacións, este dá o salto a 32-bit e estamos nunha experiencia próxima ao V-Rally, cun punto entre o Arcade e simulación ben equilibrado.
Como sempre, o mimo polo detalle dos distintos vehículos que aparecen no xogo nótase desde o minuto 1. O sistema de progresión do modo carreira simplifícase (para ben) e fai que sexa máis rápido e doado saber que vehículos precisamos para afrontar a seguinte carreira e, á súa vez, dá máis opcións de progreso, neste modo temos campeonatos en distintas rexións e pequenas probas de un contra un e gymkanas.
Pode que alguén bote en falta enfrontamentos directos contra outros vehículos (aínda que temos o modo multixogador local para salvalo), pero está claro que é a mellor forma que tivo esta franquía de afrontar os rallies. Destacamos dos escenarios os ambientes do Xapón, Kenia e ese circuíto de montaña de Estados Unidos.
A banda sonora segue a liña entre o Rock e o Power-pop de entregas anteriores e o son do motor vén acompañado cunha vibración do mando que realmente fai marabillas a nivel inmersivo.
Un Spin-off que deixa unha semente interesante de por onde pode ir a saga no futuro.
Os últimos vídeos relacionados
14/Decembro/2023